14 de feb. de 2023

Día da muller e da nena na ciencia

Heddy Lamarr

Con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, o profesor Hugo (da materia de Educación Física) pasouse polas aulas do centro explicando detalles dunha das figuras máis importantes da historia relativas a esta efeméride: a austríaca Hedy Lamarr.

Ademais da súa contribución no cine (sendo unha das actrices máis importantes da historia tras o seu éxito na era dourada de Hollywood), a vienesa con raíces galegas por parte de pai destacou tamén como inventora, pese a súa escasa formación científica. A arte dramática antepúxose aos estudos de enxeñaría, estudando así na prestixiosa escola do produtor cinematográfico Max Reinhardt, que posteriormente faría de Hedwig a protagonista de grandes éxitos cinematográficos, tales como Extas, Sansón y Dalila o Las chicas de Ziegfeld.   

Ademais disto, ofreceu a súa axuda ao exército norteamericano no contexto da Segunda Guerra Mundial, grazas a que dispoñía de información privilexiada sobre o armamento do exército alemán. Tras darse conta do sinxelo que resultaba interceptar as sinais de radio que guiaban os torpedos dos estadounidenses, creou xunto ao seu amigo George Antheil un novo sistema de torpedos teledirixidos, inspirado nas frecuencias que emitían as 88 teclas dun piano, invención que non obtivo no seu momento o recoñecemento que merecía, mais nun futuro os militares apreciaron esta tecnoloxía, ata tal punto que o mesmo método inventado por ela é a base dos sistemas de posicionamento dos satélites, como o GPS, ademais de ser a tecnoloxía precursora do "WiFi" que coñecemos hoxe en día.

Pese a súa turbulenta vida debido aos sucesos persoais que lle aconteceron tras a Segunda Guerra Mundial, a actriz-científica vienesa segue merecendo o seu debido recoñecemento na historia da ciencia. En Austria, celébrase na súa data de nacemento (9 de novembro) o Día do Inventor. No colexio, tamén quixemos darlle cabida cos coloquios de Hugo nas aulas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario